Sunday 05 de May de 2024

A Domus acolle este sábado 13 unha xornada de experiencias científicas con motivo da final do concurso escolar ‘Imaxina Coruña’


O acceso á Domus será de balde durante toda a xornada. Ademais, haberá unha exposición dos proxectos participantes no certame, obradoiros e espectáculos científicos para públicos de todas as idades

O programa municipal ‘Imaxina Coruña’, organizado polo Concello a través dos servizos de Educación e Museos Científicos, chega esta fin de semana á fase final do concurso escolar no que participa o alumnado de diversos centros educativos da cidade e a área metropolitana.

‘Imaxina Coruña’ ideouse co obxectivo de difundir a cultura científica e tecnolóxica entre as rapazas e rapaces que cursan Educación Secundaria. Partindo da temática proposta este curso, a ciencia cidadá, convidóuselles a desenvolver unha investigación para a resolución dun problema real na sociedade.

Para conseguilo contaron, ademais, coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que elaborou unha app para dispositivos móbiles deseñada expresamente para a execución de proxectos de ciencia cidadá no eido escolar.

Desta forma, este sábado 13, na Domus, o alumnado participante no certame presentará os seus proxectos ante un xurado e ante o público, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Unha vez visitados os espazos, o xurado retirarase a deliberar, comunicará o seu veredicto e, xa finalmente, levarase a cabo a entrega de premios, que terá lugar ás 13.30 horas.

Os centros educativos que chegan á final do concurso, con proxectos sobre a calidade da auga nas fontes, a contaminación luminosa, o CO2 nas aulas, mapas sonoros da cidade e as lembranzas dos edificios antigos, son os seguintes: IES Urbano Lugrís, IES David Buján, CPE Compañía de María e CPR Escravas do Sagrado Corazón.

A xornada completarase con talleres e espectáculos científicos:
De 11.00 a 13.00 horas: ‘La lengua del olor’, por Odour Collect. Un obradoiro para público familiar, de participación libre, ata completar a capacidade prevista. Este taller consta de dúas actividades:
● Obradoiro para adestrar o nariz e a linguaxe olfactiva con xogos e olores.
● Creación dun mural colaborativo dos olores do barrio.

Desde as 17.00 horas: espectáculo científico a cargo de David Ballesteros. Será de acceso libre, ata completar a capacidade prevista. É necesario retirar as invitacións media hora antes do inicio da actividade; entregaranse dúas por persoa na recepción do museo.